Monday 29 de April de 2024

A Xunta dá luz verde á contructor dun albergue de peregrinos en Mondariz


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de emitir a autorización ambiental estratéxica, na que se indica que non se esperan efectos significativos e polo tanto non é necesario sometelo a tramitación ordinaria

A Xunta de Galicia deu luz verde á construción dun albergue de peregrinos no concello de Mondariz. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de emitir a autorización ambiental estratéxica (AAE) do Plan especial de infraestruturas e dotacións para a construción dun albergue, e un aparcadoiro para autocaravanas, nunha parcela municipal na Cela.

Trátase dun ámbito que está próximo ao camiño da Franqueira, que discorre polo límite leste da parcela, e no que conflúen varios espazos de interese para o turismo de natureza, como sendas ou unha praia fluvial.

Tal e como se indica na AAE da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, non se esperan efectos ambientais significativos, polo que se dá por finalizada a tramitación ambiental, ao non ser preciso a autorización ambiental ordinaria.

En todo caso, a Consellería traslada a necesidade de ter en conta unha serie de determinacións como a incorporación dun estudo da paisaxe, no que se concreten medidas para asegurar que as edificacións, peches e instalacións se integren de forma harmónica na paisaxe.

Tamén se recomenda que as plantacións previstas se empreguen especies autóctonas propias da zona e adoptaranse as medidas oportunas para erradicar as especies exóticas invasoras e evitar a súa dispersión.

Por último, sinálase a oportunidade de minimizar a impermeabilización do solo na zona de aparcadoiro, optando preferiblemente por pavimentos filtrantes.